Chámademe Simbad

Dentro das lecturas que no centro estamos a facer sobre o tema do MAR, o alumnado de 1º de ESO leu na materia de Lingua Galega a obra Chamádeme Simbad de Francisco Castro. Grazas á editorial Galaxia que publica a obra, o mércores 30 de novembro tivemos a oportunidade de disfrutar dunha interesante charla co autor. Esta novela xuvenil adéntrase no tema do Alzhéimer.  As aventuras dos mares non sempre son mariñas e poden non ir máis alá do noso sofá… ou si. Paulo, un rapaz de once anos, virará en Simbad da man do seu avó Paulo, o Capitán dos Sete Mares. Francisco Castro lévanos polas augas da tenrura, nun barco que carga nas súas adegas bocois de humor, cariño, reflexións e soños, imprescindibles provisións na singradura do cotiá que enmarcan para nós as ilustracións de Manel Cráneo.

O autor presentouse como un home que “pinta libros e recorta revistas” e que se marabilla ante o acto de comundicación cos lectores. Os rapaces e rapazas de 1º de ESO tiraron da liña e, como bos mariñeiros das palabras,  comezaron un áxil e interesante diálogo co escritor. Como profe, foi un pracer ver a esta nova fornada fiar unha pregunta con outra e compartir con el a súa visión da novela -sen dúbida, hai detrás un bo traballo de Dores e María Xesús, as profesoras que lles dan clase-. E para rematar “a pesca”, Antía Piñeiro e Rebeca Corrales, sen dúbida con futuro no oficio da procura da noticia, endeireitaron a proa dunha entrevista que estamos a espera de ver en canto David poida montar as imaxes que Iris Ferreiro recolleu para nós. Mentres, da man de Teresa, as imaxes:

http://www.vuvox.com/collage_express/collage.swf?collageID=04bf0fcfa4