XI Xornada dos Clubs de Lectura. Premio para Carlos Negro!

Onte foi un día fermoso. Ver o benquerido Carlos Negro recoller o Premio dos Clubs de Lectura emocionábanos a moitas e moitos de nós que nos sentimos próximos a el a través da súa obra, dos seus obradoiros, da súa palabra serena ou rebelde, como teña que acaer… E escoitalo falara da poesía, da lingua, das posibilidades de atrapar lectores nas escolas, escolas con “menos estándares e máis estandartes de liberdade”, dicía el. Canta razón. Agasallounos cun poema nun marcapáxinas, e cun acróstico que dicía así:  Beizóns, B de biblioteca, E de Educación pública, I de Imaxinacións e Industria cultural (tamén no PIB!), Z da zoca que dá polos centros levando a poesía aos mozos e mozas, O de Orgullo, N de Necesidade da presenza da poesía, as artes, a cultura.

Despois, as sempre interesantes propostas dos centros; un sorprendente e vibrante Freddy Goncalves con iniciativas anovadoras e que moven o alumnado do estado de confort para provocar a reflexión crítica; a visibilización necesaria da banda deseñada da man de bibliotecarios e libreiros, entre os que non podía faltar o entusiasmo de Pío, da libraría Kómic; o canon… e, para pechar, a poesía e o berro mariñeiro dos ghaleghos polo mundo que, a son de caracola, nos trouxo Xurxo Souto!

dig