Ser, mirar, escoitar: a muller e o patrimonio

Da man das fotógrafas Ruth Mathilda Anderson e Cristina García Rodero, e a musicóloga Dorothé Schubarth, conmemoramos o 8 de marzo. Como vén sendo habitual nos últimos proxectos interdisciplinares do centro –o mar, a astronomía, o teatro-, achegamos o obxectivo da nosa “cámara” á MULLER. Nesta ocasión, escollemos a mirada destas mulleres non galegas que souberon afondar no tema que nos ocupa este ano: O NOSO PATRIMONIO.

Recollemos o envío de todas aquelas avoas e nais que o mantiveron vivo.

Ruth Mathilda Anderson,  dialoga nas súas fotografías coas de Cristina García Rodero ata tal punto que  en certas imaxes, separadas case por un século, o tempo semella non ter pasado. O mesmo acontece coas cantigas que Dorothé Schubarth -xunto con Antón Santamarina-recompilou no Cancioneiro Popular Galego editado pola Fundación Barrié, pois nos cantos recollidos récollese un vivir aínda intuído, mais en perigo de ser absorbido por un mundo globalizado que tende á uniformización e que destrúe o saber popular.

P1030233

Esta mostra do seu labor é a nosa homenaxe no Día da Muller, a celebración de todas aquelas mulleres que ao longo da historia miraron, escoitaron e foron. Que construíron. Que recolleron e transmitiron. Unha “Voz das amigas“que soubo glosar Yolanda Castaño para Leilía:

Se non fose por vosoutras,
como ía camiñar?
Miña irmá, miña irmá, miña amiga,
tan igual a min e tan distinta,
dáme a man e faremos cordada,
ven comigo, miña camarada,
dáme a man e faremos cordada,
ven comigo, miñMareaa camarada.

(…)

Mostramos tamén unha selección de fotografías antigas de mulleres traballadoras do concello de Porto do Son cedidas polo Museo Marea. En palabras de Ana Romaní, “mulleres de sal (…) que tecen tesouros de auga cada noite contra a historia”.

Con todo, conscientes da necesidade de revisar o suposto “matriarcado galego”, non queremos rematar sen traervos ao blog un dos poemas de Moda galega de María Reimóndez que acompaña a mostra:

Ar.
Esa doce palabra galega
a través da cal
os galeguistas e poetas
describiron a sociedade
tradicional galega,
matriarcal,
din eles,
onde as mais
(que non as mulleres)
tiñan un posto social crucial.
Así se lle debe chamar
en termos galeguistas
a traballar nas leiras,
traballar na casa, parir,
estudiar ós fillos (só eles)
e non ter opción a nada,
se cadra a unha malleira opcional
ou unhas pernas cabras de lareira
último modelo.
Mágoa que para unha sociedade
tan matriarcal
só saibamos dela
a través dos homes
porque, malia o seu “posto social crucial”,
esas mulleres matriarcais
(¡que estraño!)
só deixaron aparente silencio.
Agora,
con estes vestidiños axustados
de Ar
pregúntome
ata cándo teremos que seguir
desaprendendo
as falacias do pasado.

Para “desaprender falacias do pasado”, que mellor que o Álbum de mulleres do Consello da Cultura Galega.

 

Coa poesía da man de Yolanda Castaño

Maio foi mes da poesía no noso instituto.

Serafín Marcos recreou para o alumnado de 1º da ESO a obra de Uxío Novoneyra, que volveu facerse música e voz con Xandobela para os rapaces e rapazas de 2º da ESO.

Días despois tocoulle a quenda aos mozos e mozas de 3º da ESO, que comprobaron con Carlos Negro que a vida que eles recoñecen son a materia poética dos versos de Makinaria.

E antes de que María Lado & Lucía Aldao, de quen teremos noticias na nosa canle Vinte Dez, pecharan o mes este pasado luns, Yolanda Castaño compartiu unha mañá co alumnado de 1º de bacharelato para tratar de convencelos de que a poesía non morde. E abofé que o conseguiu, porque outros compromisos fixeron que na sala fosemos quedando menos até gozarmos en familia dos versos recitados da poeta, a quen agradecemos o agasallo desa segunda hora de poesía íntima e próxima.

Vinte Dez Tv cóntao así.

yolanda castaño no ies porto do son from SonCine on Vimeo.

O Equipo de Vinte Dez Tv di:

Yolanda Castaño estivo con alumn@s de 4º ESO no IES. Falounos moito e con xentil xenerosidade da poesía, da súa, da das súas compañeiras de xeración, de autenticidade e entrega. Aquí vos vai un nadiña de case dúas horas de conversa, preguntas e recitados. Saiunos algo sobreexposto. Non foi culpa de Judith de 4º A, que filmou (grazas Judith): algún trasno dixital, seguro. Puxemos os textos, non todo o mundo pode escoitar.