25 de novembro contra a violencia de xénero. Quérote querendo

A poder de ver, a poder de mirar, a poder de escoitar, a poder de non calar… dende o ensino, PODEMOS mudar un FÍXENO SEN QUERER QUERENDO por un… QUÉROTE QUERENDO!

Como pasar desa primeira e dura afirmación na que se agochan as mortes, as violacións, o maltrato que envolve esas emocións negras? Como pasar da dor ao querer sincero, respectuoso, libre, riseiro?

O equipo de biblioteca e as mozas e mozos voluntarios visibilizamos esta dor. Berrámola. Cremos na necesidade de mostrala, de lembrala. Cremos na posibilidade de mudar vontades, de facer reflexionar sobre a irracionalidade.

Os nomes das mulleres mortas no 2021. Os nomes na prensa. O pensar. A arte e a voz poética para denunciar. Para irmandar na necesidade de transformar as emocións.

VIOLACIÓNS

No Estado español denúnciase unha violación cada catro horas. Seis mulleres sofren violacións ao cabo do día. Iso fan 180 violacións ao mes, o cal fai unhas 2.160 violacións ao ano. Obviamente é moi probable que haxa un número bastante maior, que non todas as violadas denuncien. As denuncias aumentaron un 70% nos últimos seis anos. Hai máis vontade de denunciar ou aumentaron as agresións grupais e individuais? (…)

Artigo de Luz Darriba, artista multidisciplinar, xornal Nós, 6 de novembro de 2021

A voz na arte de Ángeles Jorreto e a voz poética de Miriam Ferradáns en Sempre marzo

Na biblioteca, nos recreos do xoves, pasaremos a curta Un Conte, do deseñador de animación Guillaume Arantes. Ver. Pensar. Falar.

Vén, mira, escoita, alerta, fala, non cales!