Be water

Auga… esa foi a temática da última xuntanza do club de lectura dos pequenos, os Furalibros. A novela curtiña de Antía Yáñez clasifícase como distopía, e nela, a autora imaxina un futuro onde a humanidade vive baixo terra, pois a superficie volveuse inhabitable despois dun gran cataclismo. Que sucedeu? Isto queda á imaxinación de cada persoa. O único que se sabe é que non hai auga, e que esta é o ben máis prezado que existe para os poucos seres humanos que sobreviviron.

Hai moitos aspectos que destacar desta novela que gustou moito: a xerarquía das sociedades, a contaminación, o amor, a intriga,….altamente recomendable!

Unha vila en Florencia

A editorial que publicou este libro do escritor inglés William Somerset Maugham, fíxoo nunha serie denominada “Pequeños placeres”. Moi boa descripción para esta novela curtiña, moi ben escrita e fácil de ler. A historia lévanos á Florencia de mediados do século XX, e ás vicisitudes que lle ocorren a unha rapaza de clase alta, acostumada á boa vida, e que de repente se ve involucrada nun asasinato e eliminación do cadáver. Non aporta máis que esta historia, pero faise entretida. Ademáis, levounos a reflexionar sobre a relación entre o tamaño do libro e súa calidade.

A finais de abril será a seguinte xuntanza, desta volta cun clásico da literatura inglesa. Imos ler Persuasión de Jane Austen.

Teatro clásico greco-latino en Lugo

Lugo, Lucus Augusti para os romanos, acolleunos este ano na nosa cita habitual do Teatro clásico greco-latino que organiza a SEC (Sociedade de Estudos Clásicos). Fumos ver Medea, a famosa traxedia de Eurípides que data do SV a. C.

O grupo de teatro Noite Bohemia interpretando Medea
Medea despois de asasinar aos seus fillos

Medea, orixinaria da Cólquide onde se atopaba o vellocino de ouro, axuda a Xasón a conseguilo para poder recuperar o trono de Iolco que Pelias lle arrebatara. Medea, profundamente namorada de Xasón, axudouno coas súas artes máxicas a sortear todos os obstáculos para acadar os seus obxectivos, pero todo a cambio de que Xasón a tomara como esposa. Xasón e Medea casaron, afincáronse en Corinto e tiveron dous fillos, pero pasado o tempo Xasón abandona a Medea para tomar como esposa a Creúsa, filla do rei de Corinto, Creonte. O rei, por medo as represalias de Medea, destérraa antes de que cometa algunha atrocidade, ainda que lle concede 24 horas. Ese tempo é suficiente para que Medea se vingue terriblemente de Xasón pola súa traizón, matando a Creúsa, Creonte e aos fillos que tiña con el, buscando así o sufrimento de Xasón.

Na imaxe pódese ver unha crátera do SV a. C. (conservada no  Museo de Arte de Cleveland) onde se reproduce o momento final da traxedia, con Medea no centro, fuxindo no carro que lle proporcionou o deus Sol despois de cometer o filicidio. Á dereita pódense ver os corpos dos seus fillos e á esquerda, con barba, a Xasón.

Encantounos a posta en escena do grupo teatral Noite Bohemia, un grupo teatral formado por alumnado dun centro público que naceu no ano 2008. Hoxe conta cun repertorio fixo e fóronlles concedidos varios premios. Podedes coñecer máis a través da súa páxina web https://www.noitebohemia.gal/.

Antes de ver a obra, aproveitamos a viaxe para visitar Santa Eulalia de Bóveda, Monumento Nacional dende 1931 e Ben de Interese Cultural dende 1985. Fixemos unha pequena visita guiada deste monumento que é único en todo o occidente europeo e do que non se coñece con certeza cal era a súa finalidade. As teorías son variadas, dende se é un templo pagán, edificio romano adicado ao culto cristián, ninfeo… Parece que o máis aceptado é esta última opción, un edificio do século IV d. C. adicado ás ninfas.

E despois do teatro, e mentres buscabamos un sitio para xantar, nada mellor ca un paseo polas murallas da cidade. Patrimonio Mundial dende o ano 2000, é a única que presenta intacto o seu perímetro en todo o que foi o Imperio Romano dende a sua creación hai dezasete séculos.

O paseo por este monumento tamén nos permitiu ver outras obras de arte. Aquí nos tedes diante do graffiti de Xulio César de Diego As, considerado o mellor do mundo no ano 2021.

E aínda nos deu tempo de visitar o Museo Provincial de Lugo, onde puidemos disfrutar da Estela funeraria de Crecente, os mosaicos ou os torques castrexos.

Contrapaso

Imos avanzando o curso e reuníndonos cando podemos. Os agobios de 2º de bacharelato non deixan que nos deamos xuntado todas, pero sempre atopamos un día, aínda que sexa unha pequena representación, para poder disfrutar de boas lecturas e podelas compartir como amigas.

Nesta volta comentamos a novela gráfica de Teresa Valero Contrapaso. 1.Los hijos de los otros, unha obra moi interesante que nos gustou moito, tanto pola súa temática como polos seus debuxos.

A través da investigación de dous periodistas antagónicos, Emilio Sanz e León Lenoir, esta autora retrata varias facetas da España franquista dos anos 50, unha década na que a poboación loitaba por ter unha vida mellor unha vez que asumiu que a ditadura fascista ía quedar por moito tempo. Estes dous xornalistas traballan para unha publicación semanal de sucesos e teñen que burlar constantemente a censura para poder escribir sobre os crimes que se producen. A raíz dun asasinato van descubrir unha trama complexa onde aparece o abuso de autoridade, o acoso sexual, os nenos roubados, o analfabetismo, a diferencia de clases, a loita da muller por abrirse paso nun mundo de homes, o conservadurismo do bando vencedor, a represión das mulleres… E todo ilustrado cus debuxos a cor nos que se pode apreciar unha luz especial.

É a primeira obra en solitario desta artistaza da que podedes ler unha entrevista que lle fan en Zona Negativa onde comenta aspectos moi interesantes da obra e anuncia que pretende facer dúas entregas máis. Estaremos a espera!

https://www.zonanegativa.com/entrevista-a-teresa-valero-y-resena-de-contrapaso-los-hijos-de-los-otros/

Imos con Omis ao teatro!

O luns 29 de xaneiro o alumnado do 1º ciclo de ESO e algunhas profes do departamento de lingua castelá fomos á Casa da Cultura do Son a ver Un día con los clásicos. Alí algúns alumnos e alumnas convertéronse en actores e actrices improvisados e, entre os muíños de vento de don Quijote, o narizón que Quevedo lle atribui a Góngora e a escena de amor derretido entre don Juan e dona Inés, pasámolo en grande.

Rimos case sen para e ao final os actores profesionais convidáronnos a preguntarlles dúbidas sobre o mundo do teatro. Así aprendimos, entre outras cousas, canto cobran ou canto tempo tardan en memorizar o seu papel.

Unha xuntanza misteriosa

Pouca xente sabe que o famoso detective Sherlock Holmes contaba cunha inestimable axuda de rapazas e rapaces que pasaban o seus días nas rúas londinenses escoitando e observando detalles que non chegarían doutro xeito ao famoso detective. Eran os Irregulares de Baker Street. Pois baseandose neste grupo, a escritora Silvia Aliaga escribiu unha novela chamada Los Irregulares de Naking Road a cal foi lida polo club de lectura Furalibros. Nesta novela unha rapaza londinense pertencente a este grupo múdase a Shanghái coa súa irmá e alí segue resolvendo misterios cun novo grupo de amigos.

Para ambientar a xuntanza, o grupo tivo que resolver unha chea de probas poñendo a proba a súa intelixencia facendo un Escape Room na biblioteca. Non o fixeron nada mal!!

No IES de Porto do Son fálase galego!

O IES de Porto do Son participa na Campaña de Dinamización Lingüística da mocidade estudantil, con accións directas na contorna do alumnado: AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO! https://aquitamensefala.com/

Durante o mes de xaneiro o alumnado e o profesorado colaboraron na difusión da campaña do noso centro. Actualmente os/as alumnos/as participan de forma activa coma normalizadores/as lingüísticos/as levando os carteis do IES de Porto do Son por toda a súa contorna.

Moitas grazas a todos e todas pola vosa implicación e pola boa acollida desta campaña en todo o Concello!!

Reencontro

As Lerpeir@s reencontrámonos despois de Nadal para comentar a novela de Fred Uhlman que nos quedara pendente. Esta obra maestra, escrita dende o exilio do alemán en Gran Bretaña, narra a historia de profunda amizade entre dous rapaces alemáns, pero Hans é de orixe xudea e Konradin procede dunha familia aristócrata europea. Hans considérase un ser privilexiado por contar coa amizade dun membro dunha das familias máis antigas e respectadas de Alemania, e deseguida o convida a ir a súa casa e coñecer á súa familia, pola que é acollido con total naturalidade. Non pasa o mesmo na casa de Konradin: a nai do rapaz é antisemita e non acepta a relación do seu fillo con ningún xudeu; admiradora de Hitler, co que parece ter unha relación de amistade, acaba influíndo en Konradin que se alonxa definitivamente de Hans cando este se exilia aos Estados Unidos e, pola súa banda, entra a formar parte das filas nazis. Moitos anos despois, Hans “reencontra” ao amigo perdido cando descubre que renegara do nazismo.

Escollémola porque nos pareceu importante facer unha reflexión sobre o que está a acontecer en Palestina. A historia serve, ou debería servir, para non repetir os erros do pasado. Como un pobo que sufriu a violencia exterminadora do nazismo pode cebarse deste xeito no pobo palestino? Como a comunidade internacional permite este número espantoso de víctimas infantís? O xenocidio nunca é nin pode ser xustificado; a violencia e o terrorismo non o é, pero a resposta do goberno israelí xa hai moito que superou este acto terrorista.

Estas foron algunhas das ideas que debatimos na sesión do club de lectura o pasado 15 de xaneiro. Aínda que non puideron estar todas, pasamos, coma sempre, unha sobremesa do máis enriquecedora e interesante. Grazas, mozas!!


			

Xuntos, máis nada

Trouxo polémica o libro de Anna Gavalda. Máis que polo propio libro, polo seu final inesperado. A historia está baseada en catro persoaxes, Camille, Philibert, Frank e Paulette, con vidas traumáticas por distintos motivos, as cales acaban vivindo xuntas como unha familia, sen máis, pois pode ser que as familias, ás veces, tamén se fan. E todos os traumas que traen acaban amortiguados por esa convivencia. Demasiada felicidade para unhas historias tan duras.

A pesar diso, o libro é entretido, fácil de ler. Para os lectores máis preguiceiros, ten a súa versión cinematográfica coa actriz Audrey Tautou.

Para a vindeira xuntanza, imos da literatura francesa cara a inglesa, con William Somerset Maugham. Let´s go!

Mirando ás estrelas

Alumnado do Club de Ciencias e do Club de lectura Furalibros estiveron de viaxe para coñecer un pouquiño máis o firmamento. Tan pretiño estiveron, que ata lograron tocar un cachiño de Lúa. Todo ten truco, pois ese cachiño do noso satélite estaba no Centro Astronómico de Pena Trevinca, na montaña ourensá.

O motivo da saída foi retomar a ruta literaria que tiñamos planeada o curso pasado despois de ler Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz e que foi anulada por mor dun temporal de neve. Os nenos do Club de Ciencias levan traballando a astronomía desde principio de curso, polo que foron uns perfectos compañeiros.

Pero a viaxe de dous días dou para máis. Estiveron no Carballiño, visitaron o castelo de Castro Caldelas, As Ermidas e tamén coñeceron a vila de Allariz. Unha axenda completiña para tan pouco tempo.