A hora azul: obradoiro de contos

Na “Hora azul”, Marta e Brais, Tropa de trapo,  ofreceron aos membros do club de lectura e a un grupo de alumnos e alumnas de 3º de ESO, un tempo para escoitar e para contar: unha canción para Leila, a que sempre cumpría as súas promesas e buscou ao seu amor nas areas do deserto;  o Ramón de Chan de Brito asombrado coas “cousas” novas das que falaba o papá cando viña de Vigho, tanto como para chiscar os ollos e levar as imaxes dereitiñas ao corazón; a muller de máis idade, a  máis sabia,  a decidir sobre as razóns do mozo  Mohamed e o  avarento comerciante. Contos árabes, africanos, galegos,… acompañados polo laúde árabe, o caixón, a darbouka, a KarKaba e a guitarra portuguesa.

Aprendéronnos  a mirar aos ollos, a contar e escoitar para que, cando menos, unha parte do  ouvido sexa noso, para que permaneza en nós.

A actividade desenvolveuse dende o club de lectura e o club da lingua. A interculturalidade, a universalidade,  para atopármonos, para expresármonos “orgullosos do noso”.