Nas IX Xornadas de Bibliotecas Escolares

Temporal, disque alerta laranxa, porén o Salón Santiago estaba cheo de profesoras e profesores que o venres participaron nas IX Xornadas de Bibliotecas Escolares. E pagou a pena ir esa tarde. Un entusiasta Xurxo Mariño contounos o que xa sabiamos @s que estabamos alí: que na ciencia hai poesía, pero… que fermoso foi escoitalo e velo! Logo, Carmen Loureiro, sempre tan atinada, poñendo en valor o diálogo, a palabra, a imaxe. Ao día seguinte, nós escoitamos competencias transmedia, a paixón na mesa de poetas con Antía Otero e Rosalía Fernández Rial, as reflexións sobre a linguaxe e a lectura de Pilar Esteve (imposible non tomar centos de notas!), as compañeiras do Aquis Celenis a contarnos da “biblioteca aumentada”, os graffitis poéticos de Fran Alonso e Nana, a música/poesía de Uxía Senlle… E nós tamén estivemos por alí contando os nosos comezos no programa Radio na Biblio! Intensa e ben aproveitada fin de semana de formación!