Comezamos o programa Con-Ciencia, por unha costa sostible

Onte comezamos o programa Con-Ciencia con Arenaria Coodinación. A biblioteca será o espazo onde se desenvolverán os obradoiros e talleres de divulgación científica sobre sostibilidade, nos que alumnado de 2º de ESO participará ao longo do curso en sesións de titoría e nas materias de Física e Química e ITI.

No marco do noso tema interdisciplinario para o 2018-19, facemos nosos os obxectivos desta iniciativa promovida polo Grupo de Acción Local de Pesca Costa Sostible,  Seo de Fisterra-Ría de Muros Noia, e no que colaboran o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a Asociación de Oceanográfos de Galicia e a Fundación CETMAR (Centro Tecnolóxico do Mar), co respaldo da Consellaría do Mar e o FEMP (Fondo Europeo Marítimo e de Pesca). Coma eles, pretendemos “con-cienciar” o noso alumnado e procuramos:

  • Poñer de manifesto a problemática actual global en materia de medio ambiente.
  • Valorar e debater como nos afecta a nivel local.
  • Fomentar unha actitude e traballo en equipo para tratar de expoñer solución.

María e David son os oceanógrafos que nos acompañarán en moitas das xornadas.  Chegaron ben cedo, e dispuxeron nas mesas da biblioteca un mundo vido do mar, próximo e afastado a un tempo, ao que nos foron levando da man e sobre o que espertaron a nosa curiosidade cienctífica e corresponsabilidade, entre sorrisos e chiscadelas que, de seguro, han ir facendo pouso.

Dos fósiles de amonites, primeiros moluscos dos que temos rexistro fósil, aos bivalvos, aos gasterópodos, escalópodos, aos cefalópodos, aos peixes…  Un mundo que sostén o noso ecosistema mariño. O Nautilus, coa proporción áurea que o converteu en paradigma da perfección estética e deu nome ao submariño de Xulio Verne. A caracola, na que as lendas acubillan o son do mar e que, en realidade, o que fai é ecoar os nosos latexos (non deixa de ser tamén poético!). Que comemos, volandeiras ou zamburiñas? Por que as ostras crean perlas? E o polvo, sería un alumno avanzado nas nosas aulas? Como se reproduce o melgache? Cantos dentes ten Gastón, o tiburón do Acuario da Coruña? Todas as baleas se alimentan de placton? Como se defende o cabaliño de mar, como se alimenta, como cría? Por que é tan importante a estrela de mar para o medio mariño?

E nós, que estamos a facer por manter este mundo que vai máis alá das películas de Disney, das lendas e do anecdotario popular que nos acompaña?

Observemos ese mar que nos alimenta, que sostén a economía de moitas das nosas familias, que nos aporta  pracer no deporte e no lecer. É un mar que está a falarnos dun planeta que se resente.

Aquí estamos pois co noso alumnado, coñecendo para aportar solucións e compromisos.

dig