Creación dun novo espazo protexido

Hoxe, no obradoiro do programa Con-Ciencia,  os rapaces e rapazas de 2º de ESO, divididos en grupos que representaban o concello, o sector turístico, asociacións de veciños e comunidade científica, tiveron que posicionarse e defender desde o seu rol, a creación, ou non, dun novo espazo protexido nunha zona de costa do seu concello.

Finalmente, aínda que o sector turístico e algúns veciños foron difíciles de convencer, puxéronse de acordo en que a creación do novo espazo protexido no pobo era a posición de maior interese para todos agora e no futuro.

Espazos protexidos. Figuras de protección

Dos océanos enfermos, do lixo no mar, dos plásticos e microplásticos no programa Con-Ciencia,  pasamos aos Espazos Protexidos con David Torres. Mediante xogos ensinou aos mozos e mozas de 2º de ESO  a diferenciar as categorías dos espazos protexidos e a recoñecer os do seu entorno:

O Parque Nacional: Illas Atlánticas, único en Galicia.

O Parque Natural: Complexo Dunar de Corrubedo.

O Zona de Especial Conservación: Monte Pindo.

Ben de Interese Cultural: Castro de Baroña.

Coñecer para respectar, valorar para manter e coidar.

Plásticos no mar, a enfermidade do planeta

Entrados xa no 2019, continuamos co programa Con-Ciencia que levamos a cabo en 2º de ESO. Nesta ocasión, David  Torres foinos revelando por que o mar está enfermo e ata que punto os plásticos o están “afogando”.

Sabemos que existen grandes illas de lixo flotando no mar e que a maior está situada no océano Pacífico, pero tamén que o 80% non se ve porque está no fondo. A súa eliminación é moi difícil, de aí que debamos comprometernos coa reducción drástica dos residuos. Só limpar a illa do plástico lévaría máis dunha década!

As aves, os peixes e todos os seres vivos do ecosistema mariño consomen o plástico que nós tiramos ao mar. Mesmo no sal que se obtén do mar estamos a inxerir microplásticos! Estes envases polos que optan maioritariamente as empresas están matando o planeta.

No IES de Porto do Son somos conscientes do problema. O programa Con-Ciencia é un dos proxectos dos que formamos parte. Toda información e formación sobre o tema é absolutamente necesaria. Temos que ser concientes e tomar medidas con urxencia. Non só as autoridades, cada un de nós. Procurar alternativas e actuar con rapidez.

 

“Contaminación no medio mariño-costeiro” no Programa Con-Ciencia

Unha das últimas sesións deste trimestre no programa Con-Ciencia no que estamos participando co alumnado de 2º de ESO. Desta volta repasamos o que sabemos da reciclaxe. En que contedores de lixo temos que botar cada desperdicio? Os plásticos, os aceites, o papel, o vidro, o orgánico? Estamos a facelo ben?

Estes capachos de cores foron unha magnífica idea para darnos conta da importancia da correcta clasificación e do importante que é REDUCIR, REUTILIZAR E SEPARAR PARA RECICLAR!

Continuamos no segundo trimestre!!!

 

“Cambio climático” co programa Con-ciencia

Unha nova sesión do programa Con-ciencia. María explicou o cambio climático ao alumnado de 2º de ESO mediante un xogo con palabras e algúns experimentos. Que hai detrás de termos como nitróxeno, aerosol, protocolo de Kioto, aerosol, correntes oceánicas, CFC, correntes oceánicas, CO2, atmosfera, circulación termohalina, carbono, salinidade…? Que implicacións teñen para o futuro da terra? É preciso coñecer para poder actuar.

 

Comezamos o programa Con-Ciencia, por unha costa sostible

Onte comezamos o programa Con-Ciencia con Arenaria Coodinación. A biblioteca será o espazo onde se desenvolverán os obradoiros e talleres de divulgación científica sobre sostibilidade, nos que alumnado de 2º de ESO participará ao longo do curso en sesións de titoría e nas materias de Física e Química e ITI.

No marco do noso tema interdisciplinario para o 2018-19, facemos nosos os obxectivos desta iniciativa promovida polo Grupo de Acción Local de Pesca Costa Sostible,  Seo de Fisterra-Ría de Muros Noia, e no que colaboran o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a Asociación de Oceanográfos de Galicia e a Fundación CETMAR (Centro Tecnolóxico do Mar), co respaldo da Consellaría do Mar e o FEMP (Fondo Europeo Marítimo e de Pesca). Coma eles, pretendemos “con-cienciar” o noso alumnado e procuramos:

  • Poñer de manifesto a problemática actual global en materia de medio ambiente.
  • Valorar e debater como nos afecta a nivel local.
  • Fomentar unha actitude e traballo en equipo para tratar de expoñer solución.

María e David son os oceanógrafos que nos acompañarán en moitas das xornadas.  Chegaron ben cedo, e dispuxeron nas mesas da biblioteca un mundo vido do mar, próximo e afastado a un tempo, ao que nos foron levando da man e sobre o que espertaron a nosa curiosidade cienctífica e corresponsabilidade, entre sorrisos e chiscadelas que, de seguro, han ir facendo pouso.

Dos fósiles de amonites, primeiros moluscos dos que temos rexistro fósil, aos bivalvos, aos gasterópodos, escalópodos, aos cefalópodos, aos peixes…  Un mundo que sostén o noso ecosistema mariño. O Nautilus, coa proporción áurea que o converteu en paradigma da perfección estética e deu nome ao submariño de Xulio Verne. A caracola, na que as lendas acubillan o son do mar e que, en realidade, o que fai é ecoar os nosos latexos (non deixa de ser tamén poético!). Que comemos, volandeiras ou zamburiñas? Por que as ostras crean perlas? E o polvo, sería un alumno avanzado nas nosas aulas? Como se reproduce o melgache? Cantos dentes ten Gastón, o tiburón do Acuario da Coruña? Todas as baleas se alimentan de placton? Como se defende o cabaliño de mar, como se alimenta, como cría? Por que é tan importante a estrela de mar para o medio mariño?

E nós, que estamos a facer por manter este mundo que vai máis alá das películas de Disney, das lendas e do anecdotario popular que nos acompaña?

Observemos ese mar que nos alimenta, que sostén a economía de moitas das nosas familias, que nos aporta  pracer no deporte e no lecer. É un mar que está a falarnos dun planeta que se resente.

Aquí estamos pois co noso alumnado, coñecendo para aportar solucións e compromisos.

dig