Libros pendurados para o Día do Libro

Coa Covid os libros non se poden expoñer nos corredores do centro. Non é posible pasalos de man en man; non cabe sentar a carón e lelos ben aconchegados… Este virus veu marcar unha liña invisible de distancia que ten do outro lado a nosa saúde. A saúde do alumnado.

Así pois… como facelos visibles sen que sexa a través do blog ou as redes? Como interpoñelos nas miradas?

Enriba. Aí, si. Pendurados do teito. Libres de seren manipulados con risco, mais convidadores…

Acompañan o fermoso cartel do Día do Libro 2021 que nos enviaron do Ministerio de Cultura e Deporte!

Coas mans nos xeonllos, coa ilustradora Sonia Pulido, achegámonos. Levadas da man dos versos de Francisco Brines, “ulimos un xazmín na infancia unha tarde e non existiu a tarde”.

Vinde ás bibliotecas. Atoparedes un libro que faga que as horas deixen de existir.