Radioteatro: presta unha cúpula xeodésica con Roberto Casal?

Era alá polo 2019 cando Roberto gravara co noso alumnado “Carta a ningures”. Antes “Ouigha con Castelao e compañía”, “Estamos vivos”… Roberto é da casa. E alegra moito volver telo connosco, darlle e recibir del unha aperta despois destes anos, anos en que A HISTORIA entrou en maiúsculas nas nosas vidas.

Cos vimbios do tema interdisciplinario -as emocións- e do proxecto do club de ciencias gravou este xoves un podcast que nos levará a unha cúpula xeodésica, a nosa cúpula xeodésica, “grande, forte, sen piares e resistente a furacáns”, un espazo que o alumnado ha sentir de seu, para falar, para ler, para rir, para soñar.

Primeiro, aprender do que o teatro aporta á radio, logo ler e, finalmente, á radio!

Grazas ao Concello e á OMIX por facer que este obradoiro de radioteatro fose posible. O alumnado do club de lectura ha gardar desta xornada unha boa lembranza e bos consellos para crear os seus podcasts.