Ou por que a poesía ten menos lectores que a novela…

Resposta, atinada, provocadora, reflexiva… e moi ben escrita de Clara Tomé Mariño, de 2º de bacharelato:

Son consumidores serios de poesía os adictos a unha breve e perecedoira felicidade, inconformistas que con poucas liñas se conforman, unha especie en extinción á que ninguén protexe. Hoxe por hoxe a sociedade compóñena chimpancés sobreestimulados polas pantallas. Os emojis de corazóns e os “tk” substituíron ao Amor Cortés das cantigas medievais e levaron a que finalmente “se nubrase o sol eternamente”, a que “o mar se secase un instante” e que a “lapa do amor” de Bécquer se apagase de xeito indefinido. Cada vez menos xente fala de sentimentos e xa nin pola cabeza se nos pasa ler sobre eles en verso: son complexos e non entran nos nosos ilustrados cocos. A hermética e enigmática poesía tórnase difícil de descodificar se non se nos presenta en ceros e uns. Ás veces tamén resulta máis cómodo, aínda que sexa facer trampa, deixarlle a lectura da poesía ao nervio auditivo e non ao óptico: “The answer, my friend, is blowing in the wind” (Bob Dylan) ou “La vida es tan corta y el oficio de vivir tan difícil, que cuando uno empieza a aprenderlo, ya hay que morirse.” (Joaquín Sabina). E se lemos para evadirnos da realidade preferimos facelo durante o maior tempo posible; mellor que a fuga dure unha novela a que dure unha copla antes de ter que volver de novo ao cárcere.