Lambda 2

No Día da Ciencia presentabámosvos Lambda, a revista matemática que publicaba no centro Macías, profesor do departamento de Matemáticas e colaborador do equipo de biblioteca. Xa temos aquí o número 2.

Quen non está a ver nestes días o Rubik que nos leva á nenez! O primeiro artigo axúdanos a resolver coas mates ese quebracabezas de pezas cúbicas… Pero hai máis: a teoría de grafos, os primos de Mersenne, a tráxica vida de Evarist Galois… e, non podían faltar, unha presada de divertimentos matemáticos!

Tan necesaria a divulgación científica en galego! Aplaudimos a iniciativa e convidámosvos a pasar un bo rato con Lambda!

O reto: 2018

Comezamos o ano con forza! O departamento de Matemáticas, en colaboración co equipo da biblioteca, vén de lanzar o reto 2018: obter todos os números do 1 ao 100 facendo operacións cos díxitos deste ano: 2, 0, 1 e 8. Hai que usar obrigatoriamente os catro díxitos e non se poden repetir!

O alumnado de 2º de ESO xa comezou a desfrutar desta actividade, que está aberta á participación de todo o instituto. Anímate! Xa conseguimos calcular máis de 20 números!

reto1

As mates na nosa biblioteca!!!

Como sabedes as Bibliotecas Escolares Galegas adicamos este ano ás matemáticas. É unha aposta por facer presente o noso labor no ámbito científico.   Sumámonos a este obxectivo común,  cunha exposición que elaboramos coa colaboración do departamento de matemáticas.

Pretende ser moi activa e multidisciplinar e convida a pasar un rato agradable, a estimular a lóxica, a relacionar saberes que non deberían estar compartimentados porque na vida tampouco o están. Pensade que no Renacemento, a época do Humanismo, grandes homes cambiaron o mundo. Naquel entón, ciencias e letras ían da man para crear novos horizontes.

 Mates nos libros, nas películas, na poesía,  unha numeroteca, ilusións ópticas, xeometría na natureza, mates na cociña, estereogramas, o material que Silvia elaborou na aula específica…

MATES

 

2014-11-17 13.15.38

2014-11-17 12.54.48

Mergúllate nas matemáticas

Como vedes, a esta nova andaina lévanos ás matemáticas. Xunto cos compañeiros e compañeiras deste departamento, en especial co apoio de María Luísa Lires, propoñémosvos que vos mergulledes no apaixonante mundo dos números.

 Para algúns de vós este é un ámbito onde vos movedes con comodidade e interese, para outros, é un mundo complicado. Uff… os números!!  A miúdo, o problema parte realmente de algo tan básico como a lectura e a comprensión. Pois ben, lendo faremos camiño:  sacamos dos andeis lecturas divertidas, intrigantes, esclarecedoras: El teorema del loro, El diablo de los números, El señor cero ou  El asesinato del profesor de matemáticas entre moitas outras.

As matemáticas son tamén divertimento, xogos e desafíos para a intelixencia. Enredade coas perspectivas e tentade atopar as imaxes dos estereogramas expostos. Botádelle un vistaciño aos xogos matemáticos que vos propoñemos – os solitarios, ras e sapos,  o aro cautivo, o tamgram, as torres de Hanoi e as papeleiras máxicas-. Vannos acompañar ata o Nadal. Un día de pouca tarefa organizaremos na biblioteca unha xornada de xogos! 

Pero ante todo, os números dirixen as nosas vidas, están presentes en todo o que nos rodea. SON ABSOLUTAMENTE NECESARIOS. Por iso vos convidamos a participar no Concurso de Fotografía Matemática que vimos de convocar. Mirade ao redor con outros ollos e atoparedes as matemáticas no voso entorno, na rúa, na casa, no instituto, na praia, no ceo. É sinxelo, só un “clic”. Estas son as bases:

bases do concurso de fotografía matemática IES Porto do Son

E para ir facendo un pouco de ximnasia mental, que tal un enigma?  A solución virá, xunto con novos problemas lóxicos, en vindeiras entradas deste blog. Ide dándolle voltas á cabeciña:

 ES CAPAZ DE PLANTAR 10 ÁRBORES DE MODO QUE FORMEN 5 FILAS DE 4 ÁRBORES CADA UNHA?

(pista: as filas non teñen por que estar paralelas)