Madialeva

Onte tivemos un xantar literario con Ana Moreiras. Que mellor compaña para a derradeira sesión do club de lectura deste curso! 

Cun mirar crítico e xogantín, entre prato e prato, atende as nosas preguntas e reflexións sobre, Madialeva, o seu primeiro cómic, editado por Aira Editorial, tras terse esgotado a autoedición inicial. 

É unha obra que dá voz ao rural e á memoria do cotiá, á intrahistoria que constrúe a identidade dun pobo. Nela, cun obxectivo consciente por parte da autora, son as mulleres as que contan: as avoas, as nais, as tías, as veciñas…. Non importa onde: na eira, a carón da cociña de leña ou da máquina de coser, agardando a peixeira, recollendo a verdura… E con elas, seguindo a cordada, conta tamén Ana, que nos lembra que só hai que escoitar e ter a sensibilidade de poñer a mirada. 

Madialeva prendeu en nós. Nela, a acuarela enche con delicadeza o trazo, unhas veces sinxelo, á procura da expresividade dos personaxes, outras, áxil e evocador, nas paisaxes, nas escenas ou mesmo no detalle dos obxectos. A súa mente de muller científica que vive a arte, fragmenta con acerto o ritmo das historias narradas 

Quen le, vai da súa man descubrindo puntos de vista e enfoques inesperados, que ao pouco se nos revelan recoñecibles, próximos, mesmo íntimos. E abofé, nesarios. Semella dirixirnos… “vén, para aquí, repara no seu sentar e nas súas mans agarradas á barra do asento do autobús”; “olla, observa dende este ángulo un tanto incómodo como ela está a pensar na cociña”; “deléitate na procura, observa como acariña o pouso da querencia compartida entre estas mulleres”; “incomódate coa dureza da escena, tanta que non recollo máis que anacos da violencia. É suficiente”. 

Ana encamíñanos ao sentir e ao meditar, sabedora de que esas vivencias están tamén aí, na paisanaxe que conformou as nosas vidas. 

Somos quen somos, debedoras e debedores dun tempo duro, asentado en medos que coutaron os soños dun pobo, de silencios obrigados, mais tamén da loita diaria nas nosas aldeas e das esperanzas nun mañá. Nisto eles, os maiores, e nomeadamente elas, as avoas, as nais, as tías, as veciñas… -que souberon dos sacrificios e as renuncias-, seguen a ser a voz que é obrigado escoitar. É imprescindible facelo para construír con alicerces firmes e facelo dende a identidade. 

Ficamos citados para conversar sobre a que será a súa nova publicación. De seguro, desfrutarémola tanto como esta! 

Bo verán! Dinos Sabela: “En tempo e forma, convocadas para setembro”. Moitísimas grazas!