Madialeva

Onte tivemos un xantar literario con Ana Moreiras. Que mellor compaña para a derradeira sesión do club de lectura deste curso! 

Cun mirar crítico e xogantín, entre prato e prato, atende as nosas preguntas e reflexións sobre, Madialeva, o seu primeiro cómic, editado por Aira Editorial, tras terse esgotado a autoedición inicial. 

É unha obra que dá voz ao rural e á memoria do cotiá, á intrahistoria que constrúe a identidade dun pobo. Nela, cun obxectivo consciente por parte da autora, son as mulleres as que contan: as avoas, as nais, as tías, as veciñas…. Non importa onde: na eira, a carón da cociña de leña ou da máquina de coser, agardando a peixeira, recollendo a verdura… E con elas, seguindo a cordada, conta tamén Ana, que nos lembra que só hai que escoitar e ter a sensibilidade de poñer a mirada. 

Madialeva prendeu en nós. Nela, a acuarela enche con delicadeza o trazo, unhas veces sinxelo, á procura da expresividade dos personaxes, outras, áxil e evocador, nas paisaxes, nas escenas ou mesmo no detalle dos obxectos. A súa mente de muller científica que vive a arte, fragmenta con acerto o ritmo das historias narradas 

Quen le, vai da súa man descubrindo puntos de vista e enfoques inesperados, que ao pouco se nos revelan recoñecibles, próximos, mesmo íntimos. E abofé, nesarios. Semella dirixirnos… “vén, para aquí, repara no seu sentar e nas súas mans agarradas á barra do asento do autobús”; “olla, observa dende este ángulo un tanto incómodo como ela está a pensar na cociña”; “deléitate na procura, observa como acariña o pouso da querencia compartida entre estas mulleres”; “incomódate coa dureza da escena, tanta que non recollo máis que anacos da violencia. É suficiente”. 

Ana encamíñanos ao sentir e ao meditar, sabedora de que esas vivencias están tamén aí, na paisanaxe que conformou as nosas vidas. 

Somos quen somos, debedoras e debedores dun tempo duro, asentado en medos que coutaron os soños dun pobo, de silencios obrigados, mais tamén da loita diaria nas nosas aldeas e das esperanzas nun mañá. Nisto eles, os maiores, e nomeadamente elas, as avoas, as nais, as tías, as veciñas… -que souberon dos sacrificios e as renuncias-, seguen a ser a voz que é obrigado escoitar. É imprescindible facelo para construír con alicerces firmes e facelo dende a identidade. 

Ficamos citados para conversar sobre a que será a súa nova publicación. De seguro, desfrutarémola tanto como esta! 

Bo verán! Dinos Sabela: “En tempo e forma, convocadas para setembro”. Moitísimas grazas!

Pícnic de despedida

A última xuntanza do club de lectura volveu ser conxunta, unindo aos Furalibros cos Lerpeir@s. Cambiamos a biblioteca pola praia e celebramos un pícnic de despedida, despedida do curso, dos lectores de 2ºbac, das lecturas compartidas,… todo un luxo! Alí falamos de Nómades, de Xosé Tomás, e de Instrucións para tomar café de Manuel Núñez Singala.

Voltaremos para o curso que ven, renovados e agardando con moitas ganas de ler e compartir momentos como este.

Balada para Sophie

Desta volta limos no club das Lerpeir@s unha novela gráfica de orixe portuguesa, obra de Filipe Merlo e Juan Cavia. Unha xornalista entrevista a un afamado pianista que vive recluído na súa mansión en Francia a finais do SXX. Julien Dubois agocha unha vida chea de secretos, a rivalidade cun intérprete misterioso que aparece e desaparece da súa carreira, a interrupción da invasión nazi na Francia de mediados de século e a manipulación exercida pola súa nai e o seu adestrador. Os recordos e os remoros flúen entre o fume dos cigarros que acabarán deixándonos vislumbrar a sorpresa que da lugar a última peza: a Balada para Sophie.

Outras realidades

A primeira inmersión do club de lectura Benxamíns tivo lugar nun cómic baseado na historia real de Omar Mohamed e o seu irmán Hassan, nenos refuxiados da guerra en Somalia. A súa historia vital móstranos unha realidade que nos queda moi lonxana, pero non por iso deixa de impactar. O cómic, ilustrado pola estadounidense Victoria Jamieson, describe perfectamente e cun trazo simple, a vida nos campos de refuxiados no medio do deserto de Kenia, a falta de alimento e auga, a falta da familia…e sobre todo, a importancia da escola e as ganas de poder acudir todos os días a un lugar onde aprender. Nunca o cole estivo tan ben valorado!

Rematamos a tempada

En plena ola de calor tivemos a última xuntanza do club de lectura dos Benxamíns. El beso Nº8, da escritora Colleen AF Venable e da ilustradora Ellen T. Crenshaw puxo un punto e seguido ás andanzas deste club de xente miúda. O cómic, a priori de lectura fácil, agocha unha temática relacionada coa transexualidade e homosexualidade, e como esta se vive en diferentes épocas.

Pero non todo foi lecturas. Tamén aproveitamos as cartas do Digit para contar como foi a nosa experiencia neste curso no club de lectura. Nen que decir ten que tamén botamos unha partidiña.

Agora toca descansar e desde logo, seguir lendo nestas vacacións de verán.

Papel estrujado ou as vertixes de cadaquén…

Que hai detrás dese piano que cae? Que distancias? Que complexidades e desencontros?

Papel estrujado, un cómic de Nadar, gustounos. A construción narrativa vai fiando as historias dos personaxes con transicións que nos levan da man, entre a sorpresa e o asentimento, ata comprender as casualidades e causalidades das súas vidas. Quizais tamén das nosas. As dobreces están aí. Na vida nada é sinxelo.

A culpa e a reconciliación, o abandono e a acollida, o desacougo e a coraxe, a desorientación e o atoparse, a soidade e a luminosidade da compaña agradecida… Que sinxelo é atoparse a unha mesma nesta novela gráfica! Ollando dende unha esquina, dende unha porta entornada… ata construír de novo o mapa que habemos seguir.

Non estabamos todas, mais a conversa foi ben agradable, acompañadas da banda sonora do piano de Brad Mehldau interpretando Blackbird, como se as notas saísen das páxinas de Nadar.

No mar anda o conto

A segunda sesión do club de lectura dos Benxamíns estivo marcada polo mar, pois comentamos a “lectura” do cómic Un océano de amor, de Panaccione e Lupano e analizamos o lixo que sacamos da praia na xuntanza anterior, reflexionando sobre a súa orixe e a problemática que causa.

Foi unha sesión moi biolóxica, pero iso non foi un impedimento para ver neste fermoso cómic sen texto, unha tenra historia de amor dun matrimonio bretón. Os autores tamén aproveitan para facer unha denuncia ecolóxica sobre a esquilma que estamos facendo nos océanos.

Cómics para un verán “sen máscara”!

Hoxe comeza o verán! Abéirase esperanzador aínda que hoxe vaia un frío propio do mes de marzo. E veñen tempos de recuperar a vida, de folgar coa familia e as amizades, de pasear, de deixar que a caloriña, que ha vir, nos vaia acariñando. É o tempo de levar un libro na mochila, na bolsa da praia, de telo aí, ao carón da hamaca ou do sofá. Á sombra do parasol ou da figueira da horta.

Xa sabedes que nos entusiasma o cómic! Así que, desta volta, as nosas recomendacións para o verán son algunhas das adquisicións deste curso de banda deseñada. Premede nos enlaces para ler recencións sobre cada unha delas.

Pechamos a guía cunha narración gráfica, ou álbum ilustrado, que nos encanta sobre as LIBRARÍAS!

Mais, xa sabedes que podedes levar para o verán ata tres libros da biblio. E se aínda non vos sentides seguros para viaxar, unha boa forma é facelo a través da lectura!

Bo verán! Apañade unha boa presada de enerxía!

Isaac Díaz Pardo na Memoria

En agosto do 2020 cumpríanse 100 anos do nacemento dunha das persoas máis luminosas do noso século XX: Isaac Díaz Pardo. Pintor, ilustrador, escritor, empresario… e, ante todo, xunto con Luís Seoane, creador dun soño: o Laboratorio de Formas, unha idea feita realidade na que a arte, a economía, a memoria e a identidade como piares dunha Galicia posible.

Dende o equipo de biblioteca promovemos o traballo sobre Isaac e o seu labor dende diferentes materias. Perseguiamos estes obxecivos:

  • Poñer en valor o labor desenvolvido por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane no Laboratorio de Formas e a fábrica de Sargadelos. 
  • Poñer en valor do labor desenvolvido polos personaxes históricos representados na cerámica de Sargadelos.
  • Procurar información e a súa reelaboración.
  • Traballar en equipo.
  • Valorar o traballo interdisciplinario nun proxecto común entre varias materias: Lingua Galega, Lingua Castelá, Educación Plástica e Visual e Matemáticas.
  • Corrixir a expresión lingüística escrita.
  • Reforzar a utilización dos correctores en liña na produción textual. 
  • Reforzar a utilización do Classroom e o Drive para o traballo individual e colaborativo.

Plástica

Traballos de creación de figuras a partir das liñas de deseño (formais e de contido identitario) das figuras de Sargadelos:

1º, 2º e 3º de ESO

Lingua Galega

O alumando de 1º a 3º de ESO coñeceu a figura de Isaac Díaz Pardo a través de formularios web:

https://docs.google.com/forms/d/1kCbtL-RO3lXQite6Re2EW38hoLtGTtG98omgourJows/edit

https://docs.google.com/forms/d/1O1AFKEwbbZobrHtPEcGJb_AnitUTrfwMZ665bMQeRig/edit

En 1º e 2º de ESO, tirando da relación entre Isaac Díaz Pardo e Castelao, o diálogo entre texto e imaxe, e os cantares de cego creados por Isaac, propuxemos ao alumnado que crease cómics a partir das lecturas de Retrincos, Cousas e Cantares Gallegos. Nesta imaxe recóllese un exemplo dunha das tarefas que se adxunta a continuación como pdf.

Nesta entrada recollemos a actividade e os premiados por parte do EDNL e o equipo de biblioteca.

En 3º de ESO investigaron sobre A nosa historia nas figuras de Sargadelos e cos seus traballos creamos unha presentación recompilando a información. Poñendo en valor a nosa identidade!

En 2º de Bacharelato, contextualizouse a nunha tarefa do bloque de sociolingüística, tras a lectura de Instrucións para tomar café, de Núñez Singala. Estes relatos convidan á reflexión sobre a identidade galega e o uso da lingua galega en diferentes ámbitos e funcións, entre eles o empresarial. A tarefa sobre Isaac Díaz Pardo, ademais do cuestionario para coñecer o intelectual e o seu labor, constituíu a segunda parte do traballo a partir da obra de Singala. Debían reflexionar sobre o tema: Como somos os galegos? Como queremos ser os galegos? Dividíase en dous bloques: Mirando atrás e Pensando o presente para construír o futuro. Que mellor exemplo que Isaac Díaz Pardo e o Laboratorio de formas!

Pedíuselles que creasen un texto sobre o intelectual a partir da investigación de diversas fontes e que analizasen o uso do galego e os criterios identitarios nunha selección de empresas galegas actuais.

Entre os textos realizados polo alumando, en xeral ben interesantes, seleccionamos estes das alumnas Clara Tomé Mariño e Valeria Baleirón Sobrido:

Lingua Castelá

Na materia de Lingua Castelá en 4º de ESO responderon tamén un formulario para coñecer a Isaac Díaz Pardo e contextualizar a tarefa que consistiu na creación dun microrrelato a partir da obra pictórica do artista e empresario.

Entre os microrrelatos presentados, seleccionamos os creados por Silvia Pego e Indira Fernández Rodal a partir dos cadros Os afogados e O discurso:

Matemáticas

Dende o departamento de Matemáticas traballaron a xeometría a partir do deseños da cerámica de Sargadelos:

De Isaac Díaz Pardo, Castelao e Rosalía ao cómic!

Tanto Castelao como Isaac Díaz Pardo foron pintores e escritores. Os dous crían na necesidade de unir a imaxe e a palabra. Castelao fíxoo nos seus álbums (Nós, Milicianos, Galicia Mártir, etc.), na narrativa e no teatro

“— Non quero ir porque o escolante pégame e a escola cheira que fede”. Castelao. Álbum Nós, 1931. Primeira edición. 


Isaac Díaz Pardo fíxoo nos carteis de cego que publicou en 1970: Paco Pixiñas, O marqués de Sargadelos e A nave espacial. En 1985 adicou un á vida de Castelao.

Seguindo os seus pasos pedimos ao alumnado de 1º, 2º e 3º de ESO que crease cómics a partir dos relatos de Castelao de Retrincos e Cousas en 1º e 2º de ESO e dos poemas de Rosalía de Cantares Gallegos. Mirade nesta selección que ben o fixeron!!! Tan ben que os mellores recibirán do EDNL e da Biblioteca un cómic en galego como galardón. E os premiados foron:

1º ESO

1º A: Fabián Santos Cambón, “O segredo” e Érika Maneiro Santamaría, “Peito de lobo”. 1º C: Adrián González Queiruga, “Sabela”.

2º ESO

2º A: Águeda Dios Rego, ” A cova dos carcamáns”.

3º ESO

3º A: María Sanlés Suárez, “Nasín cando as prantas nasen” e 3º D: Nerea González Couza “Pasa, río, pasa, río”.

PARABÉNS!!!!!