Paseando con miss Austen

A ruta literaria desta tempada do club de lectura Fraga de Novio levounos lonxe, seguindo os pasos de Jane Austen e a súa novela Persuasión.

Coñecemos de primeira man a cidade de Bath, preciosa cidade de rocha amarela onde transcurre parte da novela. A maior parte dos edificios conservan o estado que tiñan a principios do século XIX, polo que foi fácil transportarse á época da rexencia, cando a escritora escribiu a que sería a súa última novela. A visita ao centro Jane Austen foi parada obrigatoria.

E seguindo os escenarios da novela, paseamos por Lyme regis, pequena vila costeira do sur de Inglaterra coñecida tamén por ser o lugar de orixe da famosa buscadora de fósiles Mary Anning.

Non hai como viaxar para desfrutar máis da lectura. Quedamos pensando na ruta do vindeiro curso!

Persuasión

Todos os anos procuramos ler un clásico e nesta tempada escollemos un da literatura inglesa. Non podería faltar unha obra de Jane Austen no noso club! Escrita a principios do século XIX, relata a historia de amor de Anne Elliot, muller de 27 anos pertencente á nobreza, pero sen demasiados cartos, e como foi persuadida para rexeitar ese amor debido á inferioridade de clase e de medios.

A novela describe moi ben a sociedade da época, as relacións entre as distintas clases sociais e como estas determinan as posibilidades dun bo matrimonio. E todo ambientando nunha cidade moi fermosa, Bath.

Vale a pena ler as novelas de Jane Austen, á parte da famosa Orgullo e prexuizo.