Muller e ciencia: dende o IES ao Concello

A partir da celebración do 8M no instituto, na que contamos coa presencia de María Mayán, a área de Benestar do Concello de Porto do Son ofreceunos organizar unha xornada sobre igualdade relacionada coa ciencia e o papel da muller neste campo ao longo da historia. O alumnado de cultura científica púxose mans á obra e hoxe puidemos desfrutar do resultado: charla e o posterior coloquio de tres investigadoras.

Participaron Andrea Muras, microbióloga que estuda as relacións entre as bacterias; Socorro Castro, química, profesora da Universidade da Coruña e experta en deseño de novos materiais e as súas aplicacións; e María Mayán, investigadora líder en proxectos internacionais sobre enfermidades dexenerativas e cancro.


Foi un pracer telas con nós e coñecer as súas investigacións, así como as dificultades que atopan no seu día a día só polo feito de ser muller. Foi especialmente interesante o coloquio final onde responderon francamente ás preguntas do alumnado, algunhas delas moi persoais e onde deixaron constancia da necesidade de que tanto homes como mulleres loitemos pola igualdade en todos os ámbitos da vida.

Aquí vos deixamos unha preciosa imaxe dos organizadores e participantes co Monte Louro e o mar de Porto do Son:

As nosas ilustradoras

A ilustración científica sae das aulas da man do alumnado de 1º de bacharelato. Leva tempo abraiando aos que pasan polo corredor do 1º andar e os que se achegan a biblio.

Parecen sacados dos álbumes ilustrados que expuxemos co gallo do 8 de marzo, pero son obras de rapazas e rapaces de 16 e 17 anos realizadas na materia de Bioloxía e amosan un dominio da cor e do trazado que non deixa indiferente ao que se para a mirar. Aquí vemos a unha mosca despistada que se quixo pousar no fieito de Ruth Monteagudo:

Mellor que describir con palabras é dar paso as imaxes, que falan por si soas:

Tamén fixeron ilustracións de anatomía:

Menuda canteira de artistas! As nosas felicitacións para todas elas e eles.

11 de febreiro: Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

Sabías que temos internet grazas ao enxeño dunha muller? Ou que os primeiros programas informáticos da historia tamén foron obra dunha científica? Mulleres como Ada Lovalace, Hedy Lamarr, Rosalyn Franklin, Margarita Salas, Lynn Margulis, Tu Youyou… foron as responsables de descubrimentos que cambiaron o rumbo da ciencia en aspectos importantísimos: invención de fármacos e tratamentos para a malaria, transplantes de órganos, leucemia, VIH…; estudos da estructura do ADN; investigacións moleculares… Tamén marcaron grandes avances noutros campos, dende a oceonagrafía, coa elaboración do primeiro mapa do solo oceánico, ata o descubrimento dun buraco negro na nosa galaxia, pasando tamén polas matemáticas.
A maioría delas tivo que loitar nun mundo machista onde non se valoraban os seus méritos polo simple feito de ser muller. Outras, despois de loitar e traballar moitísimo, si que foron recoñecidas con prestixiosos premios, como o Premio Nobel.
Agora podes coñecer as súas investigacións e logros a través dos traballos dos alumnos de 2º de Bacharelato do noso centro para a materia de Lingua Castelá, dentro do Proxecto das Mulleres na Ciencia, nos que recompilaron os datos máis importantes dalgunhas destas marabillosas mulleres que entregaron parte das súas vidas á investigación e contribuíron a que o mundo sexa moito mellor.
Aquí tes unha pequena mostra, pero podes ver todos os vídeos na nosa canle de Youtube:

Hedy Lamarr, inventora.
Gertudre Belle Elion, bioquímica farmacóloga.
Marie Tharp, xeóloga e cartógrafa.

Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia!

Mulleres científicas? Pois claro! Velaquí que traballiño tan chulo fixeron na materia de Física e Química en 2º de ESO! Cartelas cos seus nomes, para saber delas, para non esquecelas, para animar as nenas a facer ciencia! Margarita Salas, Celia Rivas, Concepción Arenal, Naamme Phipps Clark, Anna Lluch, Mª Pilar Fernández Otero, Hedy Lamarr, Mileva Maric, Lisa Heitner, Pilar Roig, Mª Inmaculada Paz Andrade, Margaret Sanger, Vandana Shiva, Erna Schneider, Ana Mª Prieto López, Marie Curie, Beulah Henry…

Nós dende a biblioteca acompañamos, sacamos fondos e visibilizamos! Falar da Muller na Ciencia é falar tamén dos obxectivos da Axenda 2030: