Noite de difuntos, volta o medo á biblio!

Difuntos, Samaín, Halloween (si, aínda que nos pese)… calquera escusa é boa para sentir o medo e arrepiarnos un pouco. Sacamos aos corredores algúns deses clásicos literarios e da gran pantalla que tanto nos gustan para desfrutar nestes días de temporal, coa chuva a bater nos cristais e o vento zoando no mar.

E preparamos a biblio para pasar nos recreos algunhas curtas de terror: teas de araña, a luz das velas e moito público ansioso de sufrir.

Se aínda non pasastes pola biblio aínda estades a tempo de pasalo de MEDO! Vinde á biblio nos recreos, agardámosvos!

Algúns xa estiveron e morren por voltar!

Se non puideches estar, aquí che deixamos algunhas para que poidas velas na casa. Pero antes, mira ben detrás das portas e debaixo da cama!!

Gañador@s do concurso de microrrelatos Laxeiro: un xeito de ollar

Xa hai tempo que se fallou o resultado do concurso literario Laxeiro: un xeito de ollar convocado pola biblioteca e os departamentos de Lingua Galega e Lingua Castelá. Fixemos entrega dos premios, cómics en galego e libretiñas de persoeiros galegos, o día 31 de marzo coioncidindo cos Encontros Plambe e tamén co último día das vacacións de Semana Santa. Esta última avaliación está a ser trepidante, un visto e non visto para o alumnado e profesorado de 2º de bacharelato e foinos quedando pendente compartir os marabillosos relatos que tivemos a oportunidade de ler. Segundo o xurado, a escolla non foi nada sinxela. A calidade dos relatos da última categoría foi tan boa, que resultou verdadeiramente difícil escoller tan só dous gañadores, polo que decidimos dar un 3º premio.

Para que o poidades comprobar vós mesmos aquí vos deixamos os microrrelatos gañadores:

1ª Categoría

1º Premio

” Un mundo cheo de emocións” de José Santamaría

Composición – Colección de Arte ABANCA

Ás veces sinto que no meu interior viven centos de persoas diferentes. Levántome rodeado da miña familia e síntome feliz. En clase, entre as burlas dos meus compañeiros, éntrame a depresión. No parque, entre os empurróns doutros rapaces, síntome agobiado. Pola noite, esperando a que chegue o meu pai do traballo, síntome ansioso… Pero hoxe é diferente, hoxe, por fin…, vou ser libre.

José Santamaría Pérez, 2º ESO A

2º Premio

“Un xogo de nenos” de Carlos Arufe

Sempre xogaba só. Cada vez que volvía de traballar atopábao xogando á beira do camiño. Levaba un gorro feito de papel de periódico, saudábame coa man dende lonxe e achegábase a min correndo. Pero sempre estaba só. A última vez que me atopei con el levoume pola man ata a parte de atrás da casa e moi contento ensinoume o seu novo xogo. Consistía en colgar tres bonecos dunha corda como se fose un aforcamento. Horririzado pregunteille como sabía xogar a iso. Por contestación dixo:

-Así fixo meu pai cos meus irmáns.

Carlos Arufe Carou, 1º ESO C

2ª Categoría

1º Premio

Era unha noite fría e solitaria. A lúa brillaba sobre o horizonte, proxectando sombras na terra desértica. As árbores eran como esqueletos, coas súas pólas estendidas cara ao ceo. Na distancia, apareceu unha figura estraña a cabalo, atravesando o Trasmundo. Montaba un cabalo negro con brillantes ollos, e levaba unha capa escura. Os ollos da figura resplandecían como estrelas, e os seus pasos eran silenciosos. Parecía estar buscando algo, unha resposta a unha pregunta que só el coñecía. Esvaeceuse na noite, deixando atrás silencio e misterio.

Edgar Beiroa Cameán, 3º ESO C

3ª Categoría

1º Premio

“Maternidade”

Adoitaba pasar as noites acurrucado no seu peito, escoitqando os latexos do seu corazón, sentindo a tranquilidade da súa harmoniosa voz e o agarimo do seu inolvidable tacto.

Fínxía que sentía frío para que me abrazara máis forte e desta maneira lograba reter na miña memoria a forma das súas fráxiles mans, coas que me mecía con coidado. Ademais, finxía que non escoitaba como caían as moedas na tea que tiña pousada no chan e que parecía que só os máis miserables conseguían ver.

Aya Aniba, 1º Bac B

2º Premio

Na penumbra, á lus do candil, chocan dúas espadas. Os cabaleiros protexen aos seus reis no campo de batalla, cheo de amosegas de moitas noites de troula. Os exércitos atópanse listos, agardando a súa quenda para pegar un chimpo dende as mans, e unirse ao balbordo, mais a orde decidirá o triunfo, o cheiro a viño do país inunda o campo. Vai de copas. As batallas sucédense con velocidade. O ambiente é eléctrico. A tensión cobra vida nos chiscos de ollo disimulados, nas reviravoltas de morro, nas cellas que se levantan de seguido, coma unha lostregada e volven ao seu lugar de contado. Prácticas estratéxicas que determinarán o futuro dos enfrontados e a transcendencia do seu enfrontamento.
Comeza a última, poida que sexa a decisiva, os trunfos agardan retirados ao comando do monicrequeiro, xa farto de comer tallada mais ávido de vitoria, deixando lugar para o impacto dos máis valiosos soldados: un as, un tres, un rei. Uns achandan a chambra, outros arromban o sombreiro e cospen ao chan, outros semellan tomates suados, deses cos que só nós, espectadores doutra época, podemos establecer comparativa. Vai de copas, e estas gañan, os ouros arrecúan, brándense as espadas e caen os bastos coma garrotes, é agora ou nunca:
-Brisca, Andrés, brisca!

María Queiruga Romay, 2º Bac A

3º Premio

“O espanto”

Espertei no medio da noite co ruído dun tambor. Non tardei en darme conta de que era a choiva batendo con forza na uralita que nos facía de tellado. Comecei a asubiar ao ritmo da choiva e mentres o facía recordei as palabras da miña avoa: “o que de noite asubía, polo demo pía”. E deixei de asubiar de golpe. Parou a choiva e tamén o tambor. Cando estaba a pique de volver quedar a durmir, abrín os ollos.

Alí estaba.

Daniela Rodríguez Maneiro, 1º de Bac B

Noraboa a todas e todos!!

A Sociedade Literaria e do Pastel de Pel de Pataca de Guernsey

Case parece un trabalinguas, pero é o título que escollemos desta volta para degustar @s Lerpeir@s. O día radiante e, en vez de pastel de pel de pataca, saboreamos chocolate con café, toda unha delicia. Pero deliciosa tamén resultou a correspondencia que mantén Juliet, a protagonista, cunha serie de personaxes que van aparecerendo por esta novela tan peculiar de xénero epistolar que tivemos o pracer de compartir.

Unha casualidade pon en contacto á escritora Juliet Ashton cun dos membros deste clube de lectura, que non só ten de orixinal o seu nome que dá título á obra, se non tamén os seus integrantes e a súa motivación. Nesta pequena illa británica, ocupada polos alemáns en plena II Guerra Mundial, xorde esta sociedade literaria que se convertirá no xermolo da relacións entre unhas persoas que parecen moi diferentes. Por que nos atrae a literatura? Que perfil hai que ter para desfrutar coa lectura? Hai algo que determine os gustos literarios? Como pode unir a literatura a un grupo de xente tan dispar?

As cartas que vai e veñen da illa de Guernsey, situada no Canal da Mancha, a Gran Bretaña despertaron en nós, sobre todo nas profes, a nostalxia dese correo postal que foi desaparecendo en pro das redes sociais e tamén a gana de escapar á illa de Guernsey, como fai a protagonista.

Setembro

Cando remata o verán, comeza o curso, e con el a nova tempada do club de lectura Fraga de novio. Neste mes de setembro adoitamos facer a primeira xuntanza, a de acollida, ben para reencontrarnos cos habituais compañeiros de lecturas ou ben, como foi nesta ocasión, para coñecer novas caras que nos van acompañar nesta tempada. Nesta primeira xuntanza fixemos un repasiño das lecturas de verán de cada un de nos, pois sempre se descubre algo interesante.

E para comezar, imos ler o libro de Tatiana Tîbuleac El verano que mi madre tuvo los ojos verdes, unha novela dura pero ao mesmo tempo adictiva.

Rematamos a tempada

En plena ola de calor tivemos a última xuntanza do club de lectura dos Benxamíns. El beso Nº8, da escritora Colleen AF Venable e da ilustradora Ellen T. Crenshaw puxo un punto e seguido ás andanzas deste club de xente miúda. O cómic, a priori de lectura fácil, agocha unha temática relacionada coa transexualidade e homosexualidade, e como esta se vive en diferentes épocas.

Pero non todo foi lecturas. Tamén aproveitamos as cartas do Digit para contar como foi a nosa experiencia neste curso no club de lectura. Nen que decir ten que tamén botamos unha partidiña.

Agora toca descansar e desde logo, seguir lendo nestas vacacións de verán.

E agromaron centos de flores!

E xa, rematando maio, o corredor encheuse de flores e de mensaxes: “Flores no canto de balas”. Así queremos facer visible e facer noso o berro que mulleres feministas rusas publicaron o 8 de marzo en redes de resistencia contra a guerra: цветы вместо пуль, flores no canto de balas contra a guerra. 

A torre de Babel segue en pé: distintas linguas pero un mesmo sentir contra a barbarie e a violencia. Unha chamada á esperanza a través da beleza das flores, que agromaron polas paredes, a carón da do Principiño, frente á dor e a destrución.

Concienciar na necesidade da paz e tamén promover o espíritu crítico é o que nos propoñemos dende a biblioteca e as titorías. O alumnado de ESO de Porto do Son deu renda solta á vertente creativa tentando mitigar a escuridade que provocan as novas que escoitamos día a día a través dos medios de comunicación.

Nunca serei o teu heroe

Penúltima sesión do club de lectura dos Benxamíns, moitos xa sen máscara e todos con ganas de tomar un pouquiño de sol. O libro de María Menéndez-Ponte Nunca seré tu héroe engachou desde a primeira páxina. Todos os membros do club se viron reflexados nas aventuras e desventuras do protagonista, Andrés, un adolescente de 4ºESO. Problemas cos pais, problemas coa moza, problemas no instituto,….unha etapa vital complicada a adolescencia!

Que mellor que o patio do instituto para coñecer mellor a estos adolescentes, para que se coñezan mellor entre eles, que non todo vai ser compartir lecturas.

Achegamento interxeracional na Biblioteca Municipal

Marzo e abril foron meses de “alixeirar” os protocolos e van volvendo as nosas colaboracións coa OMIX e a Biblioteca do Concello. Desta volta os nosos libros uníronse aos da biblioteca Xerardo Díaz para unha fermosa iniciativa municipal no mes dos libros: nenos e nenas da Ludoteca e maiores do Centro de Día xuntáronse para ler, descubrir libros en distintos formatos e falar do que a lectura nos aporta: álbums ilustrados, cómics, libros con códigos QR, libros que nos falan do noso, doutros tempos e dos que están por vir. Iso somos tamén as Bibliotecas Escolares: un servizo público que ha de manter pontes co entorno.

Festexando a diferenza

Podemos afirmar con rotundidade que o libro escrito por Iria Misa e ilustrado por Alba Barreiro, Mamá, quero ser Ziggy Stardust, tivo un gran éxito entre os compoñentes do club de lectura dos Benxamíns. A historia dun neno trans emocionou a máis dunha, e serviu tamén para comprobar que estas novas xeracións mostran unha tremenda empatía e aceptación da diversidade.

Ademáis disto, os membros do club tiveron a oportunidade de coñecer ao cantante David Bowie, gran transgresor e modelo de androxinia nos anos 70 do século XX. Na súa honra, todas fomos Ziggy Stardust.

A voltas coa globalización

Tomar consciencia da realidade que hai no noso planeta, fóra da nosa zona de confort, foi a temática da última sesión deste ano do club de lectura Benxamíns.

O club das pequenas e pequenos reflexionou o que significa a globalización a partir do libro de Wolfgang Korn La vuelta al mundo de un forro polar rojo. Neste ensaio, o autor móstranos a viaxe dun forro polar vermello desde que se obtén o petróleo no Golfo Pérsico necesario para a súa fabricación, ata que é reutilizado por un migrante africano na súa viaxe en caiuco a Europa .

Ser conscientes dos problemas medioambientais e socioeconómicos que causa o noso consumismo excesivo foi o obxectivo desta xuntanza, e sobre todo, reflexionar sobre a orixe da roupa que levamos.