Atranco no banco

Para celebrar o Día Mundial da Radio eleximos como lectura do club de lectura Furalibros a obra de teatro de Manuel Núñez Singala Atranco no banco. Esta obra curta é divertidísima, sobre todo cando a teatralizamos. Que difícil é buscar o tono axeitado! Despois da teoría subimos á radio escolar para poñer en práctica e gravar algún fragmento. Aínda hai moito que aprender, pero o primeiro paso xa está dado.

Casa de bonecas

O día Mundial da Radio coincidiu desta volta coa sesión do club de lectura. Escollemos para esta efemérides tan especial a lectura do clásico teatral Casa de bonecas, do noruegués Henrik Ibsen, coa intención de preparar unha lectura dramatizada e subila ao noso blog Onda Perseveira.

Esta peza constitui un antes e un despois na historia do xénero dramático, pois a protagonista preséntase como unha heroína literaria pouco convencional, unha heroína con luces pero con moitas sombras que imos coñecendo segundo vai transcurrindo a obra. Despois de darse conta de que a historia que está vivindo co seu home é unha farsa, toma unha drástica decisión que romperá os esquemas da sociedade do SXIX na que foi escrita. A resolución de Nora de comezar a vivir coma un ser individual ten un prezo moi elevado, pois vese abocada á máis completa soidade.

Radioteatro: presta unha cúpula xeodésica con Roberto Casal?

Era alá polo 2019 cando Roberto gravara co noso alumnado “Carta a ningures”. Antes “Ouigha con Castelao e compañía”, “Estamos vivos”… Roberto é da casa. E alegra moito volver telo connosco, darlle e recibir del unha aperta despois destes anos, anos en que A HISTORIA entrou en maiúsculas nas nosas vidas.

Cos vimbios do tema interdisciplinario -as emocións- e do proxecto do club de ciencias gravou este xoves un podcast que nos levará a unha cúpula xeodésica, a nosa cúpula xeodésica, “grande, forte, sen piares e resistente a furacáns”, un espazo que o alumnado ha sentir de seu, para falar, para ler, para rir, para soñar.

Primeiro, aprender do que o teatro aporta á radio, logo ler e, finalmente, á radio!

Grazas ao Concello e á OMIX por facer que este obradoiro de radioteatro fose posible. O alumnado do club de lectura ha gardar desta xornada unha boa lembranza e bos consellos para crear os seus podcasts.

Ponte nas ondas de novo na biblio!

Xa case se está a converter nun clásico que os profesionais de Ponte nas Ondas veñan ao insti para poñer en contacto á rapaza coa radio escolar. Desta volta tocoulles a un grupo do alumnado de Oratoria de 1º de ESO facer o obradoiro. Damián chegou só, o luns pola mañá cun gran maletón onde traía o seu equipamento para montar unha canle de radio improvisada na biblio, pero primeiro estivemos na aula de informática aprendendo a traballar coa voz. É incrible como cambiando a intensidade, a velocidade ou o ton podemos interpretar moitas situacións diferentes. Damián foinos dando trucos para poder aplicar as nosas diccións. Fixemos exercicios para vocalizar, ler anticipadamente, ir amodo cando o texto é complicado… O necesario para que os nosos podcast acaden o éxito na radio.

Despois traballamos co programa Audacity, para poder editar as nosas gravacións e puílas para eliminar os ruídos, silencios e incluso modificar a nosa voz!

Na biblioteca aprendemos a facer unha escaleta, que é como se chama o guión que se usa nos programas de radio. Hai que levalo todo preparado para que os nervios non nos xoguen unha mala pasada e quedármonos en branco cando estamos “no aire”. Por parellas creamos pequenas intervencións onde fomos tocando temas diversos: sendeirismo, animais, videoxogos, lecturas, educación física… Todo un abano diverso para crear un podcast de variedades.

ANOTACIÓNS PARA LER “RESISTENCIA” NO CLUB

 

 

 

 

 

 

 

 

Os rapaces e rapazas do club de lectura, facendo padal xa para a viaxe a Aveiro, leron Resistencia de Rosa Aneiros (ben, non todos leron, mmmmm). Para achegarnos ao contexto histórico e espazo-temporal da novela, antes, investigamos un pouquiño… Premede na imaxe para consultar a información que recompilaron (este blog está limitando a publicación dalgúns recursos de edición):

Mentres algúns investigabamos, outros gravaron algún fragmento na radio; agardaremos a que teñamos un tempiño para editalo!

Obradoiro de Radio na Biblio con Ponte nas Ondas!

Onte estiveron connosco Xerardo e Damián, de Ponte nas ondas, dentro do programa de formación de Radio na Biblio. Alumnos e alumnas de 1º e 2º de ESO (boa parte do club de lectura), e un grupo de profes que os acompañaban, formáronse onte como técnicos de radio. Foi unha intensa e ben aproveitada xornada que comezou ás 13.10h e rematou ás 18.00h. Familiarizarse tecnicamente coa radio, aprender a facer un guión, saber do reparto de tarefas (técnicos, locutores…), reparar en como falar ante o micro… Traballando en equipo, fixeron unha práctica de creación dun programa de radio que tratou temas variados, dende publicitar Porto do Son, pasando por un consultorio sentimental, ata música con trap e rap!!!

Foi moi interesantes e divertido! Agora toca ir facendo novo programas e ir uníndonos a rede de escolas nas ondas!

 

Nas IX Xornadas de Bibliotecas Escolares

Temporal, disque alerta laranxa, porén o Salón Santiago estaba cheo de profesoras e profesores que o venres participaron nas IX Xornadas de Bibliotecas Escolares. E pagou a pena ir esa tarde. Un entusiasta Xurxo Mariño contounos o que xa sabiamos @s que estabamos alí: que na ciencia hai poesía, pero… que fermoso foi escoitalo e velo! Logo, Carmen Loureiro, sempre tan atinada, poñendo en valor o diálogo, a palabra, a imaxe. Ao día seguinte, nós escoitamos competencias transmedia, a paixón na mesa de poetas con Antía Otero e Rosalía Fernández Rial, as reflexións sobre a linguaxe e a lectura de Pilar Esteve (imposible non tomar centos de notas!), as compañeiras do Aquis Celenis a contarnos da “biblioteca aumentada”, os graffitis poéticos de Fran Alonso e Nana, a música/poesía de Uxía Senlle… E nós tamén estivemos por alí contando os nosos comezos no programa Radio na Biblio! Intensa e ben aproveitada fin de semana de formación!

 

17 de maio, Día das Letras Galegas: María Victoria Moreno

Estamos xa de cheo no mes das Letras; achégase o Día das Letras e polo centro andamos a saber dela. Dende o equipo de biblioteca elaboramos unha presentación que acompaña a exposición do corredor. O alumnado de 1º e 2º de ESO saíu das aulas para saber un pouco máis estremeña que namorou de Galicia e da súa fala.

Aquí vos deixamos a presentación que recolle a información da exposición. Pinchade na imaxe para poder vela:

Animádevos tamén a escoitar o podcast Ouigha con Castelao e compañía, haberedes de atopar a María Vitoria tamén pola Onda Perseveira, a nosa radio!

 

Go to download

Poemas de Carlos Negro en Onda Perseveira

Os mozos e mozas do club de lectura dos máis novos andan a aprender nas ondas, nas ondas da radio. E quixeron facelo recitando algúns dos poemas que máis lles gustaron de Carlos Negro. Escolléronos de Makinaria, Penúltimas tendencias e Masculino Singular.

       

Aquí vos deixamos o podcast:

Go to download